Saturday 27 de April de 2024

Máis de 30.000 maiores galegos súmanse á economía circular coa reciclaxe de envases


A Xunta e Ecoembes impulsan a campaña ‘Terceiros en idade, primeiros en reciclar’, que chegará a 540 residencias e centros de día

Con esta iniciativa habilitaranse 2.600 novos puntos para a reciclaxe de latas, briks e envases de plástico, así como de papel e cartón

 

Co obxectivo de converter a máis de 30.000 maiores galegos en embaixadores da economía circular, a Xunta de Galicia e Ecoembes están a impulsar a campaña de fomento da reciclaxe Terceiros en idade, primeiros en reciclar.

 

Con esta iniciativa, a Xunta e Ecoembes queren achegar a cultura da reciclaxe a máis de 540 residencias, centros de día, fogares residenciais e vivendas comunitarias de toda Galicia, dos cales 176 están na provincia da Coruña, 96 na de Lugo, 129 na de Ourense e 146 na de Pontevedra.

 

O obxectivo principal é facer partícipe ás persoas maiores no coidado do medio ambiente, a través da correcta separación dos residuos, e convertelos así en referentes en reciclaxe no seu ámbito familiar e local.

 

Deste xeitos, nos centros participantes disporanse un total de 2.600 puntos de reciclaxe: cubos e papeleiras amarelas, para o depósito de envases de plásticos, briks e latas; e tamén de cor azul, para depositar papel e cartón. Ademais, lévanse a cabo distintas actividades lúdicas e terapéuticas, tales como xogos e manualidades, coas que  acercarlles este hábito.

 

Esta campaña complétase con accións formativas ao persoal de cada centro —coidadores, persoal de limpeza e mantemento, cociñeiros, terapeutas, animadores, etc.—, ao que se lle facilitan recursos para o desenvolvemento de actividades.

 

A Xunta e Ecoembes coinciden en que a reciclaxe é unha actividade integradora e inclusiva, onde a idade non é unha limitación para ser un exemplo para o conxunto da sociedade en consumo responsable, reutilización e separación de residuos.

 

Nesta liña, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salienta que “a reciclaxe non entende de idade”, polo que a Xunta apostou por iniciativas como esta “para aproveitar o potencial dos maiores galegos”. “O seu compromiso ten un gran valor, polo exemplo que representan para as súas familias e pola achega que a súa implicación reporta ao medio ambiente”, engade.

 

Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, sinala que esta iniciativa permite incluír aos maiores de residencia no coidado do medio ambiente ao tempo que se fomenta un envellecemento activo a través das actividades e xogos que se porán en marcha. “As persoas maiores de residencia teñen demostrado un gran compromiso social e con este actividade fomentamos a súa participación como parte dunha sociedade solidaria e colaboradora” afirmou.